Friday 19 de April de 2024

A Xunta crea a Rede Galega de Educación Dixital, con 78 docentes que asesorarán aos colexios e institutos para a súa transformación tecnolóxica


— O obxectivo é prestar apoio e mentorización ao conxunto de colexios e institutos para que teñan plenamente operativo o seu Plan Dixital de Centro, a primeira acción da Estratexia Educación Dixital 2030, cun investimento de 120M€

— Haberá 78 docentes especialistas con dedicación completa e exclusiva a este fin, que actuarán integrados en equipos en 14 ámbitos xeográficos: cinco na provincia da Coruña, dous en Lugo, dous en Ourense e outros cinco en Pontevedra

— Román Rodríguez salienta o reto de conseguir que as escolas “sexan organizacións dixitalmente competentes”

— Mar Pereira destacou as competencias e a educación dixital son eixos prioritarios da Estratexia Galicia Dixital 2030

A Xunta de Galicia vén de constituír a Rede Galega de Educación Dixital, un equipo integrado por 78 centros educativos e outros tantos docentes para impulsar a transformación dixital do sistema educativo. A súa primeira reunión, presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, tivo lugar esta mañá en Santiago.
O titular de Educación do Goberno galego destacou a importancia do labor desta rede na implementación do Plan Dixital de Centro na medida en que este será “o manual propio e intransferible que deberá seguir cada centro para avanzar na súa transformación dixital”.

Román Rodríguez salientou que os obxectivos educativos para os próximos anos están dirixidos a “sacarlle o máximo rendemento” ao uso das tecnoloxías dixitais nas aulas e “conseguir que as escolas sexan organizacións educativas dixitalmente competentes”.

Pola súa banda, Mar Pereira puxo en valor a rede de mentores que hoxe empeza o seu percorrido e que, co acompañamento da Rede de asesores de Abalar, debe deseñar o plan para que cada centro saque o mellor aproveitamento das plataformas e tecnoloxías dixitais. A directora da Amtega destacou que as competencias e a educación dixital son eixos prioritarios da Estratexia Galicia Dixital 2030. Entre as súas medidas, está en marcha un plan de infraestruturas dixitais con máis de 130 millóns de euros que reforzará as plataformas, dotará todos os centros dunha conectividade de 1Gb, ao 100% dos espazos educativos de wifi de alta velocidade e actualizará o equipamento de alumnos e profesorado.

Precisamente para acadar o reto do coñecemento, da innovación e da transformación tecnolóxica foi deseñada a Estratexia Educación Dixital 2030 da Xunta de Galicia cun investimento de 120M€ e cun conxunto de accións coordinadas e planificadas con especial fincapé na incorporación de estratexias docentes e novas tecnoloxías pedagóxicas enfocadas á transformación dixital.

Reforzo de docentes especializados
Unha das accións da Estratexia é o Plan Dixital de Centro -dotada con 19,2M€- que leva aparellado a posta en marcha da Rede de Educación Dixital agora constituída con 78 centros integrantes e que exercerán de mentores para o conxunto dos centros sostidos con fondos públicos de Galicia.

Isto leva asociado tamén a contratación de 78 docentes especialistas no ámbito dixital (a razón de un por centro baixo a coordinación de dúas persoas da Consellería) que acompañarán aos centros educativos no proceso de deseño, elaboración e implementación do seu Plan Dixital, que deberá estar totalmente operativo o vindeiro curso 2022-23.

Á súa vez, estes 78 docentes estarán organizados en 26 equipos de atención dixital aos centros estruturados en 14 ámbitos xeográficos, a razón de cinco na provincia da Coruña, dous na de Lugo, dous na de Ourense e outros cinco na de Pontevedra.

No que atinxe ao Plan Dixital de Centro, no presente curso os centros deberán comezar coas primeiras fases de elaboración, cunha análise da situación real e de diagnose de debilidades, ameazas e fortalezas para a súa aprobación definitiva polos respectivos consellos escolares de cada centro a finais de curso. A previsión é que o documento estea totalmente pechado para a súa aplicación efectiva no vindeiro curso 2022-23.